Thursday 16 de May de 2024

A Concellería de Medio Ambiente e SOGAMA inician unha nova campaña de compostaxe en Ordes


Entregaranse de balde 50 novos composteiros entre a veciñanza, ademais de ofrecer formación e un seguimento personalizado para a correcta elaboración de compost. Con esta nova fase son máis de 100 os receptáculos repartidos no municipio nestes últimos anos
No seu empeño por contribuír a un medio ambiente máis limpo e saudable o concello de Ordes, en estreita colaboración con Sogama, decidiu ampliar o seu programa de compostaxe doméstica. Esta última subministrará de balde 50 novos composteiros, de 350 litros de capacidade cada un, destinados a ser repartidos entre outros tantos particulares. As persoas interesadas poderán solicitalos do 12 ao 23 de xuño nas oficias do Concello, adxudicándose por rigurosa orde de inscrición, estando previsto o seu reparto a partir do 26 de xuño.
Por parte da Concellería de Medio Ambiente quérese así reducir a produción de residuos en orixe e maximizar o aproveitamento da materia orgánica a través da súa conversión en compost. Unha medida que tamén contribúe a diminuír a frecuencia de recollida e transporte do lixo o que se traduce nunha baixada do importe da factura a pagar a Sogama, sen esquecerse tampouco da conseguinte redución de emisións de CO2.
A nova partida de recipientes unirase aos 52 xa subministrados por Sogama neste concello a finais do ano 2015, facendo un total de 102 os composteiros domésticos cos que conta o municipio a día de hoxe.

Asesoramento
Dende o Concello de Orde levaranse a cabo plans de formación para a veciñanza participante nesta nova quenda. É condición indispensable para poder formar parte deste plan habitar en vivendas unifamiliares que dispoñan de horta ou xardín. O mesmo persoal será o encargado de facer o seguimento da experiencia para comprobar o seu correcto desenvolvemento, solucionar as dúbidas e correxir posibles erros. Todo isto de cara á obtención dun compost de calidade que cumpra cos requisitos esixidos pola normativa.

Factores como a correcta situación do composteiro, coñecer con exactitude os materiais que se deben depositar e o control da temperatura ou a humidade son algúns dos elementos condicionantes para a calidade do compost. Sogama ten á disposición da cidadanía a páxina web www.compostaconsogama.gal, na que se facilita toda a información para garantir o correcto desenvolvemento da técnica. Inclúe vídeos divulgativos, xogos en liña para escolares e incluso un titorial sobre como fabricar composteiros a partir de diversos materiais reutilizados.